“Teño nivel para loitar con Toni pola vitoria e pelexar na xeral”
“Teño nivel para loitar con Toni pola vitoria e pelexar na xeral”
Brais García: Como che preparas física e mentalmente para a nova tempada?
Gabriel Marcelli: Mentalmente, algo que me axuda bastante é ir a Galicia e estar coa miña familia e cos meus amigos de toda a vida. Iso axúdame moito a desconectar e recargar pilas para volver moito máis forte. Fisicamente, é certo que me tiven que someter a unha operación na man, polo que non puiden prepararme tanto para este xaneiro, pero ata empezar o campionato teño tempo. Agora vou seguir un plan de adestramento similar ao do 2023, adestrando con moto polas mañás e no ximnasio polas tardes. O ano pasado funcionoume, así que espero que este ano, puíndo algúns detalles, vaia igual de ben.
B.G.: O ano pasado tiveches unha lesión de xeonllo que te condicionou os primeiros meses de competición. Como a xestionas mentalmente?
G.M.: O problema que tiven no xeonllo o ano pasado, e que aínda arrastro, condicionoume bastante a tempada pasada. Mentalmente é complicado porque o teu nivel baixa tanto nas zonas, como nos adestramentos, basicamente en todos os sentidos. Saber que meses atrás estabas máis forte e ter que retroceder non é doado. Creo que é máis importante estar forte mentalmente que fisicamente.
B.G.: Nas últimas citas da pasada tempada encadeaches varios podios consecutivos e foste terceiro en X-Trial, TrialGP e CET, que valoración fas da tempada?
G.M.: Estou moi contento con como acabou a tempada 2023. Nas últimas probas estiven moi preto da vitoria. Foi unha tempada moi positiva, na que competín a un nivel moi alto e, a pesar da lesión, conseguín ser constante e regular. Agora que estou mellor fisicamente, creo que esta tempada podo dar un pasiño máis.
B.G.: En que cres que podes mellorar?
G.M.: Unha das cousas que podemos mellorar para este 2024 é o físico, en canto a que estou libre de lesións e podo ter unha mellor preparación con máis horas de moto. O ano pasado tiven probas ás que fun practicamente sen adestrar, polo que cometi erros por culpa de non estar o suficientemente forte. Son consciente de que, se non sufrise esa lesión, a posición na xeral do campionato sería outra. Así que agardo poder estar máis adiante nesta nova tempada.
B.G.: É o teu terceiro ano no Repsol Honda Trial Team, que cambiou con respecto ao teu primeiro ano con eles? Sentes máis presión despois dos resultados acadados?
G.M.: Este ano xa é o meu terceiro no equipo. O 2022 foi o meu primeiro ano e non sentín apenas presión, pero en 2023 xa me esixiron algúns resultados, e aínda que a tempada foi moi ben, pode mellorarse. Para esta tempada noto que as expectativas son altas, sei que estar fóra do podio en calquera cita vai considerarse un mal resultado. Mesmo diría que os terceiros postos van saber a pouco. Así que nada, haberá que facelo moi ben en todas as probas. Intentarei non baixar do podio e estar o máis adiante posible.
B.G.: Tamén compartes equipo co piloto máis laureado da historia do mundo do Trial, como é traballar con Toni Bou?
Creo que é máis importante estar forte mentalmente que fisicamente
G.M.: Traballar con Toni é doado porque non se corta nunca á hora de dar consellos. É moi humilde e traballador, sempre ten ganas de adestrar, e se o fai con outros pilotos, mellor. Adestramos bastante xuntos e iso axúdame moito para evolucionar e para ser mellor piloto ano a ano. Realmente é un privilexio poder adestrar cun mestre coma el. Ao final, telo como compañeiro de equipo e como primeiro obxectivo fai que te retes e que sexas consciente de que hai pasos que son posibles. Ademais, a moto é a mesma, polo que non teño escusas para non facer o que el logra. Obviamente, é unha motivación para min ser o seu compañeiro.
B.G.: Vendo o que conseguiches durante a pasada tempada, cales son os teus obxectivos para 2024?
G.M.: Os obxectivos para este 2024 son gañar citas do mundial tanto indoor como outdoor, levar o Campionato de España e a nivel final de tempada levar o subcampionato de ámbalas disciplinas. Son obxectivos ambiciosos, pero creo que realistas. Teño nivel para loitar con Toni pola vitoria e gañar probas, o que me fará conseguir o obxectivo do subcampionato e, por que non, poida que algún mundial.
B.G.: Cal che gustaría que fose o teu mellor momento do 2024?
G.M.: O momento máis feliz do 2024 gustaríame que fóra levantando a medalla no podio da xeral. Porque é no momento que se ve reflectido o traballo que se fai durante toda a tempada, onde ves todo o que conseguiches, é o momento máis satisfactorio da tempada.
Gabriel Marcelli, nado na localidade do Rosal no ano 2000, o piloto galego Gabriel Marcelli é un dos novos talentos
da competición de Trial. Chegou ao Mundial en 2020 e incorporouse ao Repsol Honda Trial Team, acompañando ao 32 veces campión Toni Bou, en 2022.
En 2019 proclamouse Campión do Mundo de Trial2 e Campión de Europa, e ademais colleitou varias vitorias no Campionato de España. Esta tempada será a segunda co Repsol Honda Trial Team.
O galego de 23 anos acabou terceiro nos campionatos de X-Trial e TrialGP e buscará mellorar os seus resultados esta tempada. No Campionato de España, no que o ano pasado acabou terceiro na xeral, o seu obxectivo será loitar polo título.