70 Anos do Alfa Giulietta Sprint
Poderíase afirmar que o Giulietta Sprint marcou o inicio dunha nova era para Alfa Romeo aló por 1954, cando o seu lanzamento inaugurou a fabricación en serie para a compañía. Foron os anos onde Alfa iniciou a súa era dourada, establecendo unha colaboración coordinada dende as etapas iniciais do proxecto, en lugar de abordalo posteriormente unha vez ensamblado o chasis, con renomeados carroceiros como Bertone ou Ghia.
Ademais, ao optar polo evocador nome “Giulietta”, en homenaxe á heroína da traxedia de Shakespeare, Alfa Romeo non só fusionou maxistralmente a súa identidade cun toque de romanticismo literario, senón que tamén respondeu ás críticas, como a expresada por Madame De Cousandier, sobre a falta dunha figura feminina representativa na nomenclatura da marca: “moitos Romeos, pero ningunha Xulieta”.
Icona de Alfa Romeo e a industria do motor
O Giulietta Sprint pasou á historia non só pola súa estética, senón, en primeiro lugar, pola súa estratexia comercial. Ao lanzar no Salón do automóbil de Turín a versión deportiva en lugar da berlina, que era opción típica inicial para maximizar as vendas, a marca italiana desafiou as convencións do mercado. Esta decisión viuse apoiada polo deseño rechamante de Bertone e o motor orixinal de 65cv, cunha acústica que, aínda que algo ruidosa para unha berlina, resultaba ideal para o cupé deportivo do Sprint.
O Giuletta apareceu como un rechamante deportivo 2+2, cunha carrozaría compacta e versátil que combinaba habilmente aerodinámica e espírito deportivo con comodidade práctica, como evidencia o espazo interior ben aproveitado, con prazas traseiras xenuínas capaces de aloxar comodamente a dous adultos. O luxoso interior deseñado por Ghia presentaba detalles dinámicos, como o cadro de instrumentos onde os tres indicadores redondos formaban un rechamante triángulo baixo a viseira do cadro de mandos.
Innovación para o desenvolvemento
O motor de 1.290cc con 4 cilindros en liña, inicialmente desenvolvía 65cv, mais pronto foi mellorado a unha versión de 80cv, capaz de alcanzar os 166 km/h. Este motor foi pioneiro ao incorporar de serie unha dobre árbore de levas de aluminio, un material empregado tamén no bloque motor e a culata para optimizar o peso ata os 850 kg. Unha acumulación de innovacións de época que deixou pegada no tempo.
O Giulietta Sprint consolidou o éxito da marca durante os anos do Milagre Económico
Con máis de 34.000 unidades vendidas nas súas diversas variantes, o Giulietta Sprint converteuse no modelo que consolidou o éxito da marca durante os anos do “Milagre Económico”. O seu legado perdura como un fito tanto na historia de Alfa Romeo como no desenvolvemento da industria automotriz italiana. Para celebrar o seu 60 aniversario, en 2014 lanzouse a serie especial Alfa Romeo Giulietta Sprint.