A tecnoloxía dos motores de combustión interna está a perder popularidade debido tanto aos danos químicos que causan ao medio natural como á contaminación acústica. Os responsables de Kawasaki anunciaran no 2022 que a compañía lanzaría en breve os seus primeiros modelos de motos ecolóxicas e eléctricas. Primeiro foi a Ninja 7 Hybrid e agora é a quenda das series totalmente eléctricas Z e-1 e Ninja e-1.
Ocupando un lugar moi importante na historia da compañía, os modelos que levan o nome Z son famosos pola súa sinxeleza, e aquí Kawasaki segue o camiño da razón coa súa primeira motocicleta eléctrica. Esta non compite con ningunha outra moto, practicamente podemos vela como unha categoría en si mesma. A compañía declarou que se inspiraron nas Ninja 400 e Z400 para o deseño dos novos modelos que desenvolveu. Kawasaki completou un gran traballo coas súas primeiras eléctricas.
Motor e tecnoloxía
Este modelo utiliza a tecnoloxía e os coñecementos técnicos que a marca xaponesa desenvolveu ao longo de varias décadas de fabricación de motos. E non falamos só do excelente chasis ou dos freos e a electrónica, senón mesmo da rede de concesionarios e o mantemento, unha gran vantaxe.
É moi importante saber exactamente que é este motor. A xulgar por parámetros como a potencia, a velocidade máxima e a autonomía, a Z e-1 está moi preto dos 125cc e require o mesmo carné (A1) para circular. Con 5 kW (6,7cv), por suposto, queda moi por baixo do límite máximo de potencia para a categoría, que é de 11 kW (14,75cv) para os permisos de condución A1 e B.
Kawasaki incluíu un botón e-boost que che proporciona 12cv (9 kW) durante 15 segundos. Queres saír rápido do semáforo? Só tes que pulsar e-boost e, dende o momento en que arrincas, tes 15 segundos de potencia extra na túa man, útil para adiantamentos ou calquera outra situación na que necesites un pouco de músculo extra.
Cun peso de 11,4 kg cada unha, as baterías poden alcanzar a súa plena capacidade en catro horas cun adaptador de carga incluído coa moto, que se pode gardar no oco do falso depósito. O tempo de carga das baterías dun 20% ao 80% é de só dúas horas enchufado na rede doméstica (220 volts).
Outro grande eloxio para as baterías é a forma en que se cargan. Trátase esencialmente de dúas baterías extraíbles, polo que non é necesario ter unha subministración eléctrica no lugar onde se aparca a moto. Sacas as baterías e as cargas, con ou sen base de carga, na cociña, o dormitorio ou o soto, así de sinxelo. Se queres e podes, por suposto, podes cargar as baterías na moto.
Lady Kawa
As clásicas obxeccións que en ocasións expuxéronse contra as motos eléctricas desaparecen no caso desta Kawasaki, xa que se dirixe a un público con prioridades diferentes ás do motorista medio. Distancias curtas, desprazamentos habituais dentro dos límites da cidade… en fin, unha boa solución para os desprazamentos diarios.
Ademais, o condutor non ten que batallar coa interacción do embrague e a caixa de cambios, esa complicada combinación que tanto nos gusta aos motoristas, pero que adoita ser un obstáculo para os principiantes. “Lady Kawa” pode alcanzar un rango de autonomía de 74 quilómetros en modo de condución eco e de 64 cando se utiliza o botón Boost. Este modelo pode alcanzar unha velocidade de 88 km/h de forma continua en modo de condución na estrada e 95 km/h de forma instantánea cando se utiliza o botón Boost.
Arrincamos!
Conducín a Z e-1 dende A Coruña a Santiago por estradas secundarias, e o ceo asegurouse de regalarme unha chea de auga durante a proba de condución. Iso non me impediu comprobar a suavidade coa que a Kawasaki Z e-1 atravesa os pobos discretamente e a facilidade coa que as malas estradas se deslizaban baixo as súas rodas grazas ás súas magníficas suspensións KYB. Un “dez” para a suspensión e os freos desta moto.
Cheguei a Santiago raspado de baterías, e logo utilicei a moto uns días pola cidade. Esta é a contorna para a que se construíu esta primeira motocicleta eléctrica nipoa. A rede de estradas secundarias e, sobre todo, urbanas son o seu hábitat, especialmente na nosa gran terra galega, onde a velocidade máxima está limitada en gran medida a 90 km/h.
Aínda que o peso total é bastante baixo, 135 kg, a marca centrou a súa atención nun problema ao que a miúdo se enfrontan os novos pilotos: manobrar a baixa velocidade. Aparcar a moto é moi doado coa axuda do Walk Mode para zonas urbanas e a marcha atrás, que empurra cara adiante ou cara atrás a un ritmo de paseo a través do acelerador. Esta operatividade esténdese a todos os aspectos do funcionamento, que é silencioso e suave, sen cambios de marcha.