Stellantis claudicou antea industria chinesa

Setembro 9, 2024

stellantis

Oficialmente, non se admite a claudicación da multinacional automobilística Stellantis fronte ao poderío chinés, pero a última proposta deste grupo así o recoñece implicitamente. O gran grupo francoitaliano-americano da automoción quere fabricar, baixo licenza, e distribuír coches eléctricos chineses.

Por outra banda, os grandes grupos de distribución do noso país están como “tolos” intentando obter a representación das marcas chinesas para incluílas no seu catálogo. Isto amosa a realidade actual: as empresas sempre van un paso por diante do mercado, e as que queden atrasadas terán un mal futuro.

A aparición do coche eléctrico nas nosas vidas deu aínda máis pulo á potencia industrial e á capacidade de adaptación ao mercado internacional dos fabricantes do xigante asiático.

Agora, moitas voces din que xogan con outras regras, e que así calquera. Pois que vaian espelindo as grandes potencias da industria automobilística, porque isto xa é imparable. Hai datos de abondo: só temos que ver todas as marcas que están chegando ao noso país. A firma chinesa Arcfox iniciou o pasado mes a súa actividade de exportación de vehículos eléctricos desde Ferrol, coa previsión de mover entre 5.000 e 8.000 unidades ao ano a partir de 2025, segundo afirmaron responsables do grupo asiático BAIC, aliado coas compañías Atium e Magna para o seu desembarco en Europa.

Tamén o grupo automobilístico chinés Chery e a empresa EV Motors pecharon un acordo para o desembarco do xigante asiático nas antigas instalacións de Nissan na Zona Franca de Barcelona, o que supón a primeira chegada dun fabricante de automóbiles chinés ao noso país. Chery comezará a ensamblar o modelo Omoda 5.

A produción de baterías para vehículos eléctricos tamén é unha oportunidade que ninguén quere perder, e España ten unha situación privilexiada no Vello Continente. Un dos proxectos que xa son realidade está liderado por Envision Group, unha destacada compañía chinesa no sector de enerxías renovables e tecnoloxía de baterías, que recibiu luz verde definitiva en outubro pasado. Xa iniciaron as obras da factoría na comunidade de Estremadura, na localidade de Navalmoral de la Mata.

Máis preto de nós, en Galicia, temos a empresa de carrozarías de autobuses Castrosúa, que está construíndo autobuses en colaboración coa chinesa BYD, que lle subministra chasis e baterías. Xa levan varios meses de probas por distintas cidades galegas.

Ata aquí só imos por terra, pero no mar tamén comezou unha competición feroz. Os construtores chineses, como xa comentamos, lanzáronse a construír megabuques para exportar os seus vehículos. Xa teñen varios operativos que poden transportar ata 7.000 unidades. Os próximos que saian dos seus estaleiros poderán chegar a levar preto de 9.000 coches. O tempo medio de transporte entre China e a vella Europa é de vinte días. Estas cifras, apoiadas por unha loxística cada vez máis precisa e práctica, fan que se poidan mover milleiros de coches como nunca antes se vira. Cunha frota dunha ducia destes megabarcos, poden asolagar o noso mercado de automóbiles eléctricos chineses en poucos meses. Ata case dá calafríos.

Como quedará a que ata o momento foi a grande industria automobilística clásica se non cambia de estratexia? E parece que non van cambiar despois de ver a última decisión do grupo Stellantis. Se non podes co teu inimigo…

Artigos Relacionados

Don Tancredo e a industria europea do automóbil

Don Tancredo e a industria europea do automóbil

Os fabricantes de automóbiles europeos cada vez se asemellan máis á antiga figura do toureo de don Tancredo pola súa postura de, practicamente, un incomprensible inmobilismo. O individuo que fai de don Tancredo (fabricantes europeos), agarda o touro (fabricantes...

A encrucillada da industria fronte á redución de emisións en Europa

A encrucillada da industria fronte á redución de emisións en Europa

A industria do automóbil, sobre todo a europea, enfróntase a un momento decisivo na súa historia recente. No medio dos esforzos por frear o cambio climático, a Unión Europea impuxo normativas claras e esixentes que buscan reducir as emisións de CO₂ dos vehículos para...

A enerxía verde, máis aló dunha demanda social

A enerxía verde, máis aló dunha demanda social

A transición cara a unha enerxía máis limpa e sostible converteuse nunha demanda social cada vez máis imperiosa, ademais dunha necesidade ecolóxica ineludible. O consumo masivo de enerxía que requiren todos os vehículos e dispositivos da nosa vida cotiá obríganos a...

Ir o contido