No editorial do número de SPRINT MOTOR de outubro de 2023 (nº 317) escribimos sobre o futuro negro do ouro negro. O titular xa deixaba ben as claras por onde ía o tema: “Bye, bye petróleo”. Non foron poucos/as os/as lectores/as que nos enviaron correos electrónicos manifestando o lonxe que quedaba aquela despedida. Críticos co noso editorial expresaban claramente o equivocados que estabamos e lle daban longa vida ao petróleo e, de paso, a todos os combustibles fósiles.
Naquel editorial, diciamos cousas como: “As últimas estimacións da AIE (Axencia Internacional de Enerxía) apuntan a que o consumo dos tres principais combustibles fósiles comezará a diminuír nesta mesma década debido ao rápido crecemento das enerxías renovables e a difusión dos vehículos eléctricos. Xa nos atopamos ‘no principio do fin’ da era dos combustibles fósiles, segundo o principal organismo de control enerxético mundial, que por primeira vez prognosticou que a demanda de petróleo, gas natural e carbón alcanzará o seu punto máximo antes de finalizar esta década”.
Na actualidade, xa hai moitos indicadores para poder ver que isto vaise cumprir bastante antes de finalizar esta década. Os automóbiles eléctricos, que viñeron para quedarse, van ter moito que dicir sobre este declive. É máis, xa o están dicindo a través dunhas vendas que van en ascenso e cunha aceptación social que vai en aumento cada día. Isto último por dous motivos, un polo coñecemento cada vez maior dos coches 100% eléctricos e outro pola conciencia social de preservar o medio natural.
Os negacionistas poden seguir pensando que o petróleo seguirá sendo o rei dos combustibles e que seguiremos tendo unha gran dependencia del como todas estas décadas pasadas. Pero xa non é así. Mostra diso e que a cotización do petróleo actualmente é unha auténtica montaña rusa. A OPEP+ o luns di que vai abrir a billa do petróleo e o mércores todo o contrario. Non saben como quitarlle o maior lucro posible ao seu negocio do petróleo antes de que caia de maneira estrepitosa. Porque antes o despois saben que acabará caendo. E vostede poderá preguntar: por que non se nota na gasolineira? Moi fácil, especulación pura e dura; como foi sempre o prezo das gasolinas e dos gasóleos.
Os grupos de presión empresariais teñen moito que ver con que gran parte da xente siga pensando que o ouro negro seguirá sendo ouro. Mais agora moitos destes grupos, sobre todo os occidentais, comezan a virar na súa opinión, pois fixeron o mesmo cos seus intereses comerciais xirando cara a alternativas enerxéticas verdes. Hoxe en día as grandes empresas da enerxía teñen intereses moi potentes nas enerxías alternativas (eólica, fotovoltaica, xeotermia, eólica offshore…).
Os beneficios das enerxías verdes están claros, como por exemplo: a redución de emisións de CO₂ (combaten o cambio climático); son inesgotables (a diferenza do petróleo ou carbón); melloran a seguridade enerxética (diversifican a matriz enerxética) e xeran empregos en sectores sostibles. Estes argumentos gústanlles cada vez a máis xente.
Tamén somos conscientes dos desafíos que todo isto implica. Como son os grandes investimentos iniciais que se requiren e a dependencia de condicións naturais como o sol e o vento. Pero dende aquel editorial de outubro de 2023 xa se avanzou moitísimo. Incluso no almacenamento da electricidade sobrante nalgúns momentos irregulares do ciclo de xeración de enerxía. Os avances nas baterías de vangarda e noutras formas de almacenamento foron considerables e exitosos nestes últimos dous anos.
Se vostedes amigos/as lectores/as seguen discrepando do noso editorial poden amosalo escribindo a redaccion@sprintmotor.com. Nós estaremos encantados de ler os seus comentarios e de confrontar as nosas ideas e o noso vaticinio neste tema tan interesante.