O acceso aos coches novos, unha carreira costa arriba

Xaneiro 21, 2025

jaecoo super hibrido

O aumento dos prezos dos automóbiles novos no noso país non é ningún segredo. Basta con lembrar como evolucionaron as tarifas nos concesionarios ou nas web dos fabricantes. Con todo, un estudo recente baseado en datos da Axencia Tributaria e o Instituto Nacional de Estatística pon en cifras unha realidade incómoda: a suba de prezos nos coches novos superou sobradamente o índice de prezos ao consumo (IPC) e o crecemento salarial.

Entre 2019 e outubro de 2024, os prezos dos coches novos con impostos incluídos incrementáronse un 37,4%, e pasaron de 18.940 € a 26.020. Este aumento é case o dobre do que subiu o IPC (20,4%) e preto de catro veces a alza do salario medio (10,4 %), que alcanzou os 30.240 €. Estes números evidencian unha perda real do poder adquisitivo para os consumidores, que agora enfrontan maiores dificultades para acceder a un automóbil novo.

Pola contra, os automóbiles de segunda man rexistraron unha lixeira caída nos seus prezos (0,94%), e situáronse nunha media de 12.365 €. Isto ampliou a diferenza de prezo entre un coche novo e un de ocasión ata case 14.000 €. Aínda que os prezos dos modelos quilómetro cero ou seminovos tamén subiron, a súa tarifa media está condicionada polo feito de que un 40% dos vehículos de ocasión (VO) en España teñen máis de quince anos.

A inflación nos vehículos novos ten causas coñecidas. Todo comezou coa crise de produción derivada da escaseza de semicondutores, agravada logo por factores xeopolíticos como a guerra en Ucraína, o encarecemento das materias primas e o aumento do custo do diñeiro. Ademais, os fabricantes apostaron por desprazar a súa oferta cara a coches máis grandes, tecnolóxicos e equipados, non só para satisfacer as demandas do mercado, senón tamén para “maximizar beneficios”.

As novas esixencias de seguridade e medioambientais tamén xogaron un papel crucial. Dende 2022, a inclusión de sistemas de asistencia á condución (ADAS) é obrigatoria, e a normativa CAFE, vixente dende este ano, obriga os fabricantes para reducir a emisión media de CO2 a 93,6 gr/km. As multas de 95 euros por cada gramo de exceso por coche vendido apertan as marcas para axustar as súas estratexias. Isto tradúcese en maiores prezos para os automóbiles de combustión e en promocións agresivas para vehículos eléctricos, que necesitan medrar exponencialmente para alcanzar un 20% de cota en 2025. Hoxe, esta cifra está nun modesto 5,6 por cento.

A situación actual deixa os compradores nunha encrucillada. Por unha banda, o coche novo converteuse nun artigo de luxo. Por outro, a opción do VO faise máis atractiva, pero tamén limitada, dada a antigüidade do parque automobilístico dispoñible.

Mentres tanto, os fabricantes enfrontan un difícil equilibrio entre cumprir con normativas medioambientais, manter a súa rendibilidade e responder as demandas dun mercado golpeado pola inflación. A aposta polo coche eléctrico parece inevitable, pero para moitos consumidores segue sendo unha opción custosa e pouco accesible.

A escalada dos prezos dos automóbiles novos no noso país non só reflicte unha serie de crises acumuladas, senón tamén un cambio estrutural no sector automobilístico. A transición cara á electrificación e á sustentabilidade está a ter un impacto directo nos consumidores, que ven como o coche novo se afasta do seu peto.

A solución non é sinxela. É necesario que as políticas regulamentarias promovan un mercado máis accesible e equitativo, á vez que se fomenta a sustentabilidade. Os fabricantes, pola súa banda, deben buscar estratexias que non penalicen desproporcionadamente o consumidor final. En definitiva, só un equilibrio entre a rendibilidade, a regulación e a accesibilidade permitirá que o coche novo deixe de ser un luxo para moitos e volva ser unha opción realista para todos.

Artigos Relacionados

A China, a nova potencia automobilística

A China, a nova potencia automobilística

A industria automobilística chinesa experimentou un crecemento sen precedentes nas últimas décadas, nas que pasou de ser un fabricante centrado en modelos de baixa gama a converterse no líder global en innovación e electrificación. En 2023, a China consolidouse como o...

Carlos Tavares e a evolución darwiniana

Carlos Tavares e a evolución darwiniana

O primeiro día deste mes, Carlos Tavares, CEO de Stellantis, “dimitiu” do seu cargo no grupo automobilístico Stellantis. Detrás del virán moitos máis altos executivos do mundo da automoción que deixarán as súas cómodas cadeiras. Isto non fixo máis que empezar. A...

Don Tancredo e a industria europea do automóbil

Don Tancredo e a industria europea do automóbil

Os fabricantes de automóbiles europeos cada vez se asemellan máis á antiga figura do toureo de don Tancredo pola súa postura de, practicamente, un incomprensible inmobilismo. O individuo que fai de don Tancredo (fabricantes europeos), agarda o touro (fabricantes...

Ir o contido