A cuarta xeración do Suzuki Swift nace co obxectivo declarado de mellorar a experiencia de condución, introducindo a tecnoloxía híbrida MHEV en toda a gama e xeneralizando a tracción 4×4 All Grip. Para isto, aparece cun novo motor 1.2 litros, de tres cilindros e tecnoloxía Mild-Hybrid de 12 volts SHVS (Smart Hybrid
Vehicle by Suzuki).
Presenta ademais un novo interior espazoso e ergonómico e todas as melloras posibles en relación as potencialidades do software e a conectividade a bordo. Así, por exemplo, o sistema DSBS utiliza un radar de onda milimétrica e unha cámara monocular para detectar obstáculos como vehículos, bicicletas ou peóns, axudando a mitigar colisións frontais, diagonais e laterais. Ademais conta con asistente de mantemento e cambio de carril, sistema de monitorización do condutor de ollos e cara, control de cruceiro adaptativo, recoñecemento de sinais de tráfico, detección de ángulo morto, alerta de tráfico posterior ou o sistema de chamada de urxencia (eCall).
A cuarta xeración do Swift representa todos os avances dos coches do futuro e quere darlle corda á expansión global do modelo, que dende a súa entrada ao mercado no 2004, vendeuse en 169 países cun total de nove millóns de unidades nas estradas.