Medidas para ter unha atmosfera máis limpa

Novembro 17, 2023

peugeot 3008 fondo sprint motor

Son moitos os usuarios de automóbiles que aínda están convencidos de que isto vai seguir igual o parecido durante moitos anos. Que os vehículos de combustión seguirán sendo os máis vendidos no 2030. E que as estradas continuarán vendo tubos de escape fumegando CO2 durante moito tempo. Os datos comezan a contradicir todas estas crenzas. Os coches eléctricos pouco a pouco van gañando cota de mercado, aínda que no noso país non se favoreza este tipo de vehículos, ben polo noso atraso nos postos de recarga, porque as administracións andan un
pouco perdidas ou porque as marcas non poñen todo o empeño necesario. Estas últimas, sobre todo as europeas, teñen que liquidar e amortizar todo o seu investimento en motores de combustión e en modelos que xa empezan
a quedar obsoletos, por iso non poñen moito interese no cambio. Aínda que intenten facer parecer que si o fan.

O Goberno portugués, un país que vai moi por diante do noso en parque de automóbiles eléctricos e puntos de recarga, quere aumentar o imposto de circulación considerablemente aos vehículos con matrícula anterior ao 2007. Estes deixarían de tributar en función do seu motor (gasolina ou gasóleo) para facelo segundo a súa cilindrada e o nivel das súas emisións de partículas contaminantes. Un coche medio anterior ao 2007 pode pasar de pagar 44 euros anuais a 160. De ser aprobada a medida, a suba do imposto aplicaríase progresivamente nos anos sucesivos.

O executivo do país veciño expón a necesidade de “cumprir as exixencias ambientais” e “promover a renovación do parque móbil e a descarbonización do transporte de pasaxeiros”. Queda por ver se esta medida será aprobaba no parlamento portugués, pero as cousas parece que van ir por aí de aquí en adiante. Espremer os vehículos vellos, todos eles con motor de combustión, será unha máxima de moitos gobernos europeos. As fórmulas son do máis variadas. Pouco a pouco iranas implementando, paseniñamente pero sen pausa.

Esta é outra das medidas ás que seguro recorrerán máis dun goberno para camiñar cara a unha descontaminación do tráfico, penalizar os coches vellos. Todos eles con motor de combustión, e botadores polos seus tubos de escape de distintos elementos contaminantes á atmosfera. O vindeiro ano marcará un punto de inflexión na venda de automóbiles eléctricos. Veremos como aumenta a cota de mercado destes vehículos e como os fabricantes lanzarán unha chea de modelos novos eléctricos, superando con creces o de modelos novos con motor de combustión. Haberá un xiro no mercado claro é ben definido desta tendencia. Tamén sairán ao mercado coches eléctricos máis económicos e urbanos (ata o momento escasos), sobre todo presionados polos fabricantes chineses e por Tesla. O fabricante americano está disposto a continuar abaratando prezos e a comercializar un modelo que roldaría os 25.000 euros no mercado europeo.

Por outra banda, en Galicia, Renfe rexistrou un aumento de dous millóns no número de viaxeiros dos trens de servizo público na comunidade galega entre xaneiro e setembro deste ano, grazas aos abonos ferroviarios gratuítos do Goberno español, que terán continuidade o vindeiro ano, de acordo co pacto asinado entre o PSOE e Sumar. En total disparouse un 61% o uso do tren en Galicia. Isto amosa que hai alternativas descontaminantes se as administracións queren apostar por elas. Favorecer un transporte público, áxil, económico e de calidade é fundamental nesta tarefa que nos concirne a todos.

Hai un amplo abano de medidas para limpar o ambiente das nosas urbes e das nosas vidas. A ruta para seguir cada día é máis clara. Deixar de contaminar o medio natural é o inicio dunha longa andaina que non fixo máis que empezar, pero que xa é imparable, e os coches eléctricos teñen un papel protagonista nela.

Artigos Relacionados

Carlos Tavares e a evolución darwiniana

Carlos Tavares e a evolución darwiniana

O primeiro día deste mes, Carlos Tavares, CEO de Stellantis, “dimitiu” do seu cargo no grupo automobilístico Stellantis. Detrás del virán moitos máis altos executivos do mundo da automoción que deixarán as súas cómodas cadeiras. Isto non fixo máis que empezar. A...

Don Tancredo e a industria europea do automóbil

Don Tancredo e a industria europea do automóbil

Os fabricantes de automóbiles europeos cada vez se asemellan máis á antiga figura do toureo de don Tancredo pola súa postura de, practicamente, un incomprensible inmobilismo. O individuo que fai de don Tancredo (fabricantes europeos), agarda o touro (fabricantes...

A encrucillada da industria fronte á redución de emisións en Europa

A encrucillada da industria fronte á redución de emisións en Europa

A industria do automóbil, sobre todo a europea, enfróntase a un momento decisivo na súa historia recente. No medio dos esforzos por frear o cambio climático, a Unión Europea impuxo normativas claras e esixentes que buscan reducir as emisións de CO₂ dos vehículos para...

Ir o contido