Os fabricantes de automóbiles europeos cada vez se asemellan máis á antiga figura do toureo de don Tancredo pola súa postura de, practicamente, un incomprensible inmobilismo.
O individuo que fai de don Tancredo (fabricantes europeos), agarda o touro (fabricantes chineses) á saída de chiqueiros, subido sobre un pedestal situado en metade da area da praza de touros (mercado). O executante vai vestido con roupas xeralmente de época ou cómicas, e pintado integramente de branco (modelos europeos, sobre todo dos construtores xeneralistas, que practicamente non evolucionaron nos últimos lustros). O mérito consiste en quedar quieto, xa que o saber da tauromaquia afirmaba que ao quedar inmóbil, o touro cría que a figura branca era de mármore e non a turraba, convencido da súa dureza.
Pois agora este touro (marcas chinesas) turra e dunha maneira moi contundente cunha tecnoloxía eléctrica moi avanzada. Así que don Tancredo (fabricantes europeos) pode saír moi mal parado. Esa postura estática practicada tantas veces na praza de touros (mercado) parece que agora xa non é válida. Aínda así don Tancredo segue a pensar que o seu espectáculo pode seguir funcionando, e os prognósticos comezan a ser moi negativos; tanto, que don Tancredo pode acabar no hospital con graves lesións, incluso mortais (creba).
Un exemplo deste “don Tancredo”, que consideramos grave, é a decisión do xigante alemán Volkswagen (o grupo automobilístico máis grande de Europa) de pechar polo menos tres factorías en Alemaña e aplicar un recorte salarial dun dez por cento para aforrar custos. Isto pode ser a puntilla dun sector que se converteu nun dos máis baixistas da bolsa europea, cunha caída no índice do Stoxx Autos dun 14,86 por cento no que vai de ano, pola forte competencia das marcas asiáticas, capaces de colocar no mercado modelos similares a prezos máis económicos. Pero o que máis pesa é o lastre que supón a transición cara ao automóbil eléctrico, que non termina de arrincar en Europa, como amosan os datos de vendas.
Os mornos investimentos feitos polos fabricantes do vello continente para adaptarse aos requirimentos de produción dos automóbiles eléctricos, obrigados polas normativas de transición enerxética da Unión Europea, non se traduciron en beneficios reais, é máis, están sendo unha auténtica rémora para as marcas europeas. Mentres que todo isto acontece os fabricantes chineses comezan a conquistar a tecnoloxía e a innovación do futuro: o coche eléctrico.
Por outra banda, no subsector das baterías os chineses van moi por diante de todos os construtores europeos, incluso comezan a instalar factorías en Europa. Por certo, moi demandadas polos fondos de investimento, sempre abertos a colocar o seu capital onde ven un gran potencial de ganancias.
Ademais deste inmobilismo, que vén de moi atrás, os custos salariais do sector en Europa prexudican gravemente as nosas marcas automobilísticas, que tamén perderon o reclamo da calidade dos seus modelos.
Os construtores chineses (Tesla tamén) que empezaron dende cero, na actualidade poden vender coches eléctricos bastante máis económicos cós europeos. Unha destas razóns contra a que é complicado competir son os custos salariais no vello continente, o elevado número de operarios que traballan no sector e a falta de flexibilidade para adaptar eses cadros de traballadores. Se a isto lle engadimos que a gran vantaxe dos fabricantes europeos, que eran a calidade da súa construción e a superioridade dos seus motores de combustión, desapareceu, cústanos ver un futuro prometedor.
Un último apuntamento para reflexionar: Jaecoo, Kia, MG e Omoda son as marcas (tres delas chinesas) que máis garantía ofrecen no noso país (sete anos ou 150.000 km). Pobre don Tancredo.