Unhas risas prepontentes

Febreiro 14, 2024

seal byd blue

Si, moitos foron os fabricantes que riron durante moito tempo sobre as posibilidades dos chineses para deseñar, desenvolver e construír automóbiles interesantes e exitosos. Agora, máis dun chora. Chora, porque o que vén é un terremoto no mundo da automoción con epicentro en China.

O primeiro exemplo disto é Elon Musk, un home considerado superdotado e principal accionista de Tesla, que botou unhas risas descaradas nunha entrevista no ano 2011 a conta dos automóbiles eléctricos e das posibilidades dos fabricantes chineses. En concreto, ríuse, a gusto, da marca chinesa BYD. Pouco máis dunha década máis tarde, esa mesma compañía fala de ti a ti con Tesla no mercado dos vehículos eléctricos; mentres tanto Musk chora e pide restricións arancelarias para loitar coa competencia. O magnate agora di que a industria chinesa do automóbil eléctrico é imbatible.

No 2011, Tesla atopábase nunha etapa de crecemento, cos modelos Roadster e o Model S que foron presentados como prototipos, Musk deuse á tarefa de realizar unha xira-espectáculo para mostrar o que podería facer a súa empresa. Nunha entrevista ao longo desa operación de márketing, a redactora aproveitou para lanzar unha pregunta sobre os automóbiles de BYD, que eran competencia directa de Tesla nese momento, o que provocou unha risa despectiva de Elon, seguida de críticas cara á compañía chinesa, considerándoa pouco atractiva e con tecnoloxía feble.

Viches os seus vehículos? Burlábase o empresario rindo.

Dez anos máis tarde BYD converteuse nunha das empresas máis importantes do sector dos coches eléctricos, mellorando notablemente os seus produtos e expandindo o seu alcance global, aterrando no mercado europeo con éxito (podedes ler a presentación do modelo Seal U neste mesmo número).

Durante o ano 2021, BYD apenas comercializou 39.000 vehículos eléctricos, en comparación cos case 185.000 de Tesla. Pero, ao chegar ao terceiro trimestre de 2023, BYD alcanzou a cifra de 431.000 e Tesla 435.000. A diferenza era de apenas 4.000 unidades.

En total, as cifras revelan que BYD vendera 1,57 millóns de vehículos eléctricos, fronte aos 1,8 millóns de Tesla. Aínda que Tesla mantén unha vantaxe estreita, a competencia intensifícase, e as proxeccións para 2024 suxiren un achegamento aínda maior, incluso un sorpasso.

Durante a reunión anual cos investidores de Tesla, Musk deixou ver a súa preocupación polo crecemento do mercado chinés na industria dos vehículos eléctricos. Di que compañías como BYD poderían revolucionar o mercado a nivel mundial: “As empresas chinesas do automóbil son as empresas do automóbil máis competitivas do mundo. Así que creo que terán un éxito significativo fóra de China dependendo de que tarifas ou barreiras comerciais se establezan. Francamente, creo que se non se establecen barreiras comerciais, arrasarán coa maioría das demais empresas do mundo”.

Este é un exemplo público e claro do que é a prepotencia dun fabricante. Pero podemos dicir que son moitos os fabricantes “tradicionais” os que riron fóra de micro cando os xornalistas lles preguntamos, dez anos atrás, polas posibilidades futuras dos fabricantes chineses. Agora, parece ser, que se fai certo aquel refrán que di “o que ri último, ri mellor”.

Artigos Relacionados

O declive do petróleo comezou

O declive do petróleo comezou

No editorial do número de SPRINT MOTOR de outubro de 2023 (nº 317) escribimos sobre o futuro negro do ouro negro. O titular xa deixaba ben as claras por onde ía o tema: “Bye, bye petróleo”. Non foron poucos/as os/as lectores/as que nos enviaron correos electrónicos...

Directivos de ouro con cara de cemento

Directivos de ouro con cara de cemento

Entre os chamados "directivos de ouro con cara de cemento" podemos empezar por un dos últimos en abandonar o taboleiro do xogo automobilístico: Carlos Tavares. O ex-CEO de Stellantis —grupo xurdido da fusión entre PSA e Fiat-Chrysler en 2021— deixou o seu cargo de...

A China, a nova potencia automobilística

A China, a nova potencia automobilística

A industria automobilística chinesa experimentou un crecemento sen precedentes nas últimas décadas, nas que pasou de ser un fabricante centrado en modelos de baixa gama a converterse no líder global en innovación e electrificación. En 2023, a China consolidouse como o...

Ir o contido