Os patinetes son máis ca un xoguete

Setembro 1, 2023

patinete electrico

A Real Academia Galega define patinete como: “Xoguete infantil que consta dun guiador e dunha táboa con dúas rodas, na que descansa un dos pés mentres o outro queda libre para impulsalo apoiándose no chan”. Unha definición que xa queda obsoleta nestes tempos, onde o patinete, ao incorporarlle unha motorización, se converteu nun vehículo de mobilidade urbana cada día con máis usuarios, normalmente adultos.

Por outra banda, a definición do Manual de características dos vehículos de mobilidade persoal (BOE 21/01/2022) di “vehículo dunha ou máis rodas dotado dunha única praza e propulsado, exclusivamente, por motores eléctricos que lle poden proporcionar ao vehículo unha velocidade máxima, por deseño, comprendida entre 6 e 25 quilómetros por hora”. Esta definición xa está máis axustada coa realidade.

Evidentemente este patinete do século XXI veu para quedarse, e probablemente iremos vendo unha evolución del nos próximos tempos.

Hoxe en día temos unha gran variedade de modelos. As marcas de automóbiles, de motocicletas e tecnolóxicas viron unha oportunidade neste nicho da automoción que era inimaxinable hai uns anos atrás. Calcúlase que no noso país remataremos este ano cun parque móbil de un millón de patinetes eléctricos.

Estes vehículos deixaron de ser un xoguete de nenos para se converter nun vehículo de adultos, utilizados nas vías públicas como unha forma nova de mobilidade persoal. Cada día son máis os que os utilizan e todo indica que irá en aumento. Un vehículo económico, tanto na súa compra como no seu mantemento, que non necesita de ningún carné e doado de transportar. Unha solución de mobilidade para moita xente para desprazarse pola cidade e non ter que buscar aparcadoiro. Pode pregarse e transportarse comodamente, o peso da maioría deles está entre os dez e quince quilogramos. Repasemos as obrigas que os usuarios de patinetes eléctricos deben cumprir coa Dirección Xeral de Tráfico neste 2023.

A persoa que conduce un patinete eléctrico non pode circular polas beirarrúas e teñen prohibida a circulación en vías interurbanas, travesías, autoestradas, autovías ou túneis urbanos. É obrigatorio levar casco e non se poden usar auriculares ou o teléfono móbil mentres se conduce o patinete eléctrico. Non pode ir máis dunha persoa nel, aplican as mesmas taxas máximas de alcol permitido que para outros condutores e, loxicamente, a prohibición de conducir con presenza de drogas no organismo. A velocidade máxima á que poderán circular é de 25 km/h e a mínima de 6.

O condutor tamén está obrigado a levar roupa reflectora se emprega o patinete durante a noite ou en situacións con visibilidade reducida. A DXT tamén aconsella contar cun seguro de responsabilidade civil que cubra os danos causados a terceiros. Algúns concellos si que establecen a obrigatoriedade deste seguro. Os concellos poden afondar sobre esta normativa de mínimos da Dirección Xeral de Tráfico.

A pesar da claridade da lei son varios os aspectos que moitos usuarios non respectan. Segundo un estudo da Fundación Española para a Seguridade Viaria de 2022, un 45 por cento dos usuarios de patinetes eléctricos excedeu o límite de velocidade en, polo menos, unha ocasión mentres que o 50 por cento conduce sen casco e o 73 circula polas beirarrúas das cidades.

Cremos firmemente que debe imperar, unha vez máis, o sentidiño. Así e todo, podemos observar ao longo das nosas urbes que son moitas as persoas que utilizan este tipo de vehículos que “pasan” do sentidiño, pois circulan pola beirarrúa con auriculares e con pouco respecto, pola velocidade que levan, polos peóns que transitan por ela.

Temos que ter claro que un patinete eléctrico non é un xoguete, os datos dos accidentes no noso país así o amosan; desgraciadamente algúns deles con vítimas mortais.

Artigos Relacionados

A enerxía verde, máis aló dunha demanda social

A enerxía verde, máis aló dunha demanda social

A transición cara a unha enerxía máis limpa e sostible converteuse nunha demanda social cada vez máis imperiosa, ademais dunha necesidade ecolóxica ineludible. O consumo masivo de enerxía que requiren todos os vehículos e dispositivos da nosa vida cotiá obríganos a...

Stellantis claudicou antea industria chinesa

Stellantis claudicou antea industria chinesa

Oficialmente, non se admite a claudicación da multinacional automobilística Stellantis fronte ao poderío chinés, pero a última proposta deste grupo así o recoñece implicitamente. O gran grupo francoitaliano-americano da automoción quere fabricar, baixo licenza, e...

O Labirinto do coche eléctrico

O Labirinto do coche eléctrico

O mercado da mobilidade eléctrica ten que animarse. É imprescindible para o país, pero atendendo ao que necesitan os usuarios e poñendo o marco regulatorio necesario para poder construílo entre todos. Non se trata de instalar miles de cargadores sen sentido, senón...

Skip to content