Oído Cociña!

Decembro 17, 2023

toyota fondo inicio

O que se está a cociñar na industria automobilística é impresionante. Só falta que empecen a ferver todos os
procesos e avances que están nestes momentos nos fogóns das empresas de todo tipo con algunha relación con este sector. O menú ten pinta de que vai ser moi saboroso e sorprendente. Que o mundo mudou tremendamente nos últimos anos xa ninguén o dúbida. O que vai cambiar nos vindeiros é difícil de predicir. A Intelixencia Artificial e a tecnoloxía cuántica son dous dos factores que probablemente vaian contribuír máis intensamente nesta próxima
transformación socio-económica.

No sector do motor esta gran revolución vai cambiar todo tal e como o coñecemos a día de hoxe. Comezando polas fábricas, que agora xa se están a converter en xigafactorías por obra e graza de Elon Musk. Como exemplo claro do que vén temos o que acaba de anunciar unha das principais marcas de automóbiles eléctricos de China, Nio. Este fabricante está proxectando substituír un trinta por cento dos traballadores da súa cadea de produción por robots industriais de última xeración entre os anos 2025 e 2027.

Os devanditos robots poden traballar en harmonía co persoal da planta. A marca tamén intentará reducir ao cincuenta por cento os postos directivos coa axuda da Intelixencia Artificial. Todo este programa a prol de reducir os custos laborais e como fórmula para abaratarlle o prezo final ao consumidor dos seus vehículos. Ji Huaqiang, vicepresidente para manufactura, loxística e operacións de Nio, comentoulles aos medios de comunicación nunha rolda de prensa que “se a Intelixencia Artificial chega a ser capaz de tomar o oitenta por cento das decisións sobre a fabricación, permitiría a Nio reducir á metade os postos de dirección cara ao 2025, mentres que os robots industriais de última xeración eliminarían o citado trinta por cento de traballadores nas liñas de produción no 2027”.

Por outra banda, lembrar que China non só lidera a produción de automóbiles eléctricos (cunhas exportacións que aumentan cada mes), tamén está conseguindo o control de todas as etapas da cadea de valor e dos minerais chave para producir estes vehículos. Como dato dicir que no 2022, se fabricaron máis de 2,3 millóns de automóbiles eléctricos neste país, o que representa o 65% da produción mundial. Mentres que estes son os plans que se
elaboran no xigante asiático, as grandes marcas do automóbil (de combustión) séguenlles chorando ás diversas administracións competentes que lles dean prórrogas para seguir vendendo coches de combustión por máis e máis
tempo (son insaciables) e reclaman medidas fiscais que os beneficien para impulsar as vendas dos seus automóbiles eléctricos.


Mentres tanto os fabricantes chineses non piden nada, só venden. Como é o caso de MG no noso país; ou o caso de Tesla, que só este ano rebaixou os seus modelos dúas veces, sen laiarse. Os grandes fabricantes seguen instalados no lamento permanente, mentres a vida segue e a transformación continúa imparable. Anhelan os vellos tempos onde eran os que dominaban o desenvolvemento e as vendas dos automóbiles de combustión. Tempos que non volverán. E mentres tanto os fogóns seguen a pleno rendemento agardando que saia un menú espectacular que a algunhas marcas míticas se lles pode indixestar (ou xa lles está dando ardor de estómago).

Artigos Relacionados

Carlos Tavares e a evolución darwiniana

Carlos Tavares e a evolución darwiniana

O primeiro día deste mes, Carlos Tavares, CEO de Stellantis, “dimitiu” do seu cargo no grupo automobilístico Stellantis. Detrás del virán moitos máis altos executivos do mundo da automoción que deixarán as súas cómodas cadeiras. Isto non fixo máis que empezar. A...

Don Tancredo e a industria europea do automóbil

Don Tancredo e a industria europea do automóbil

Os fabricantes de automóbiles europeos cada vez se asemellan máis á antiga figura do toureo de don Tancredo pola súa postura de, practicamente, un incomprensible inmobilismo. O individuo que fai de don Tancredo (fabricantes europeos), agarda o touro (fabricantes...

A encrucillada da industria fronte á redución de emisións en Europa

A encrucillada da industria fronte á redución de emisións en Europa

A industria do automóbil, sobre todo a europea, enfróntase a un momento decisivo na súa historia recente. No medio dos esforzos por frear o cambio climático, a Unión Europea impuxo normativas claras e esixentes que buscan reducir as emisións de CO₂ dos vehículos para...