Novos tempos, novos retos

Febreiro 5, 2024

coche electrico cargando

Parece que os novos tempos da automoción nos colleron co pé cambiado. Chegaron os automóbiles eléctricos (os híbridos e enchufables incluídos) e con eles unha serie de problemas que requiren dunha solución que non debemos demorar. O principal, e moi preocupante, parece que vai ser que facemos coas baterías cando estean esgotadas totalmente.

Aínda que na actualidade o número de coches electrificados que chegan ao final da súa vida útil é pouco significativo, prevese que para finais desta década en Europa alcancen o final do seu ciclo de vida moitas unidades destas características. Isto suporá uns cantos centos de milleiros de automóbiles electrificados e as súas correspondentes baterías.

As baterías terán distintas procedencias. Serán principalmente, de coches eléctricos accidentados, que se declaren perda total, e de vehículos envellecidos. Tamén haberá que ter en conta as baterías que se teñan que substituír por distintos motivos, como fallos de construción ou mantemento. Estímase que a vida útil dunha batería está ao redor dos dez anos e que, a partir de entón, as prestacións que ofrecerá para o seu uso nun automóbil eléctrico non serán as axeitadas.

As baterías máis empregadas actualmente nos coches eléctricos son do tipo ión-litio, aínda que con diversas composicións químicas dependendo de cada marca. Estes elementos químicos poden supor un grave problema para o medio natural e de seguridade polos materiais que as compoñen. Ademais, aínda conservan suficiente capacidade para almacenar enerxía e subministrar potencia como para poder ser empregadas noutras aplicacións menos exixentes ca un coche. Existe a oportunidade real de darlles outra vida e así aproveitar mellor todas as súas posibilidades.

Unha desas oportunidades está nos sistemas de almacenamento de enerxía en combinación coas enerxías renovables, como reforzo da rede eléctrica para puntos de recarga de vehículos eléctricos ou como fonte de propulsión doutro tipo de vehículos de menores prestacións (motos eléctricas, carretillas elevadoras ou robots de mobilidade para factorías).

Unha batería usada de ións de litio dun coche eléctrico aínda contén moitas materias primas valiosas, como litio, cobalto e níquel. Extraelas das baterías usadas reduce a necesidade de extracción de novos minerais, o que beneficia a economía e o medio natural. E o que é aínda máis importante: reduce a dependencia estratéxica da Unión Europea respecto deses materiais. Así e todo, a reciclaxe é a medida menos sostible na economía circular e debería ser o último paso, cando estes acumuladores de enerxía eléctrica xa non se poden reutilizar. Polo tanto, as baterías retiradas de vehículos eléctricos deben considerarse para a súa refabricación ou reutilización para darlles unha segunda vida antes de reciclalas.

Os principios da xestión de residuos indican que todas as baterías de vehículos eléctricos deben ser reutilizadas primeiro para o seu propósito orixinal (sempre e cando isto sexa posible), logo reutilizadas para un uso de segunda vida e, finalmente, se non é posible o anterior, enviadas para a súa reciclaxe. Todo isto debe ser unha prioridade da automoción actual. Para chegar a facer as cousas ben, e que unha vez máis non nos colla o touro do desenvolvemento rápido e innovador, é necesario que se poñan de acordo todos os actores nesta cadea de economía circular. Doutra forma, comezaremos a ter un problema con milleiros de baterías dos automóbiles eléctricos e electrificados nos vindeiros anos.

Artigos Relacionados

Carlos Tavares e a evolución darwiniana

Carlos Tavares e a evolución darwiniana

O primeiro día deste mes, Carlos Tavares, CEO de Stellantis, “dimitiu” do seu cargo no grupo automobilístico Stellantis. Detrás del virán moitos máis altos executivos do mundo da automoción que deixarán as súas cómodas cadeiras. Isto non fixo máis que empezar. A...

Don Tancredo e a industria europea do automóbil

Don Tancredo e a industria europea do automóbil

Os fabricantes de automóbiles europeos cada vez se asemellan máis á antiga figura do toureo de don Tancredo pola súa postura de, practicamente, un incomprensible inmobilismo. O individuo que fai de don Tancredo (fabricantes europeos), agarda o touro (fabricantes...

A encrucillada da industria fronte á redución de emisións en Europa

A encrucillada da industria fronte á redución de emisións en Europa

A industria do automóbil, sobre todo a europea, enfróntase a un momento decisivo na súa historia recente. No medio dos esforzos por frear o cambio climático, a Unión Europea impuxo normativas claras e esixentes que buscan reducir as emisións de CO₂ dos vehículos para...