A Velas Vir

Abril 16, 2024

byd explorer nº1

Se hai unha marca que xa se converteu nun referente do sorpasso chinés á industria do automóbil europeo é BYD. Un acrónimo que significa Build Your Dreams (constrúe os teus soños). Nela basearemos este editorial.

A expectación xerada ao redor do BYD Explorer nº1, o primeiro buque fretado pola marca chinesa para asolagar o Vello Continente cos seus modelos, resume a nova dinámica que se está xerando no sector da automoción mundial. A xigantesca nave partiu con sete mil automóbiles o quince de xaneiro do Porto Loxístico Internacional de Xiaomo, en Shenzhen, no sur de China, con destino aos portos de Vlissingen (Países Baixos) e o de Bremerhaven (Alemaña). Tras a súa primeira parada en Vlissingen, o pasado 26 de febreiro atracou en Alemaña, onde se descargaron tres mil vehículos.

Esta é unha estratexia que elimina, en parte, a necesidade de montar fabricas fóra de China. Eliminando trabas burocráticas, políticas, elevados custos e prolongados prazos. Aínda así BYD ten entre os seus proxectos actuais construír a súa primeira fábrica europea en Hungría. Mentres tanto enviarán unha frota de megabuques con milleiros de coches para inundar o mercado europeo cos seus últimos modelos.

Esta empresa automobilística con sede en Shenzhen está dirixida por Wang Chuanfu, un exprofesor de 57 anos, que arrebatou á norteamericana Tesla o liderado como maior produtor de automóbiles eléctricos. No cuarto trimestre do ano pasado, BYD, fundada en 1995 e que conta coa empresa de investimentos Berkshire Hathaway do magnate Warren Buffett entre os seus accionistas, vendeu a cifra récord de 526.000 vehículos eléctricos, fronte aos 484.000 de Tesla. A previsión para este ano é que a diferenza entre ambos os colosos do automóbil sexa aínda máis grande, evidentemente a favor de BYD. Os fabricantes europeos, como xa temos dito, non xogan nesta liga.

Temos que subliñar que BYD fabrica todo o coche, agás os pneumáticos e o parabrisas. Ademais, e curiosamente, é un dos principais fabricantes de baterías do mundo e as vende a rivais como Tesla e Toyota.

A presión deste construtor chinés obrigou a Tesla a baixar varias veces nos últimos meses os prezos dos seus modelos. Aínda así BYD ten cinco modelos máis baratos que os do seu competidor directo americano, e ademais os seus deseños son máis actuais.

BYD vai despregar sete portavehículos máis nos vindeiros dous anos para paliar a escaseza de capacidade de transporte marítimo para a exportación de automóbiles. A firma espera que construíndo e utilizando os seus propios buques para transportar vehículos conseguirá reducir os custos de transporte e axilizar a súa loxística internacional.

Este tipo de meganaves fretadas por BYD coñécense como “ro-ro”, abreviatura de roll-on/roll-off en inglés, o que indica a súa capacidade para acomodar vehículos que poden entrar e saír do barco de forma independente, eliminando a necesidade de guindastres. Basicamente, un barco “ro-ro” funciona como un garaxe flotante de varios niveis, o que facilita unha carga e descarga máis rápida e, en última instancia, acelera as entregas de automóbiles. O propio concepto dá unha idea das optimistas previsións do fabricante chinés á hora de asolagar outros países cos seus coches eléctricos.

A Unión Europea admite que esta invasión arremete de cheo contra a industria do automóbil do Vello Continente e ameaza con converterse nunha nova dor de cabeza para os nosos fabricantes de automóbiles no medio do cambio que se está a producir dende os motores de combustión aos eléctricos.

Mentres tanto en Bruxelas os políticos continúan coas súas eternas reunións e burocracias. O como nós dicimos están “a velas vir!”.

Artigos Relacionados

O declive do petróleo comezou

O declive do petróleo comezou

No editorial do número de SPRINT MOTOR de outubro de 2023 (nº 317) escribimos sobre o futuro negro do ouro negro. O titular xa deixaba ben as claras por onde ía o tema: “Bye, bye petróleo”. Non foron poucos/as os/as lectores/as que nos enviaron correos electrónicos...

Directivos de ouro con cara de cemento

Directivos de ouro con cara de cemento

Entre os chamados "directivos de ouro con cara de cemento" podemos empezar por un dos últimos en abandonar o taboleiro do xogo automobilístico: Carlos Tavares. O ex-CEO de Stellantis —grupo xurdido da fusión entre PSA e Fiat-Chrysler en 2021— deixou o seu cargo de...

A China, a nova potencia automobilística

A China, a nova potencia automobilística

A industria automobilística chinesa experimentou un crecemento sen precedentes nas últimas décadas, nas que pasou de ser un fabricante centrado en modelos de baixa gama a converterse no líder global en innovación e electrificación. En 2023, a China consolidouse como o...

Ir o contido